quarta-feira, 5 de novembro de 2008

A esperanza (ghopé! en inglés)

Din que Pandora foi a primeira muller criada polos deuses. E foi enviada pra terra como castigo para os homes (porque resulta que un tránsfuga chamado Prometeo andivo comerciando e revelando informacións confidenciais aos homes e estes, mira ti que listos, aceptáron-lle o lume, programa beta do que despois sería o aquecimento central e as lareiras "enjebres" nos chalés coruñeses) (que en realidade son cheminés, mas non hai ninguén que lles tire da cabeza que aquilo é unha "lareira enjebre") (ou, xa que estamos, que un hórreo non é un elemento decorativo e que só é hórreo se sirve para gardar comida. Ou inutilidades, mais daquela ten que ter un h grande coma un mundo e moqueta).

Ao conto: resulta que o tal Prometeo trafica con lume, os homes deixan de ter frío e de se alimentar con carne crúa e sushi e os deuses, claro, apañan un cabreo que nin Dios (Zeus, neste caso).

E Zeus, rencoroso, criou á muller como castigo. Todos os deuses (conchabados como os nacionalismos periféricos) aportan algo para que a muller sexa ferpecta de todo: beleza, música, persuasión, intelixencia... É así que nasce Pandora, como nun taller de Tunning. Entón os deuses envólvena, poñen un laciño vai ti saber onde e mandan o pacote por MRW a casa de Epimeteo, "tete" de Prometeo.

Como bon cuñado, Prometeo desconfiaba da tal Pandora e tentou que o seu irmao a devolvese aos deuses (iniciando a tradición das tensións nos xantares familiares). Mas Epimeteo, encantado (encantadísimo!) coas virtudes da dona, recusa as tretas do irmao e aceita o agasallo.

Resulta que Epimeteo, ademáis da primeira jaca revertiana, tiña unha caixa selada e gardada nun cantiño da casa. Pandora sentía unha terríbel curiosidade por ver o que había dentro e acabou por non resistir a tentación e ignorar as diferentes advertencias que, tanto Prometeo como Epimeteo, debían terlle dado.

Evidentemente, aquilo saíu caro (lembremos que ela era un castigo divino) e, naquela caixa, estaban gardados todos os males que hoxe coñecemos: si, desde os físicos coma o reúma ou aqueles graniños que saen no padal e que fastidian moito até os da alma como a invexa, a ira, a avaricia e a soberba e a sua conxunción física: a SGAE). Visto o marrón, Pandora fechou rapidamente a caixa para ver se impedía pelo menos a metade dos libros de Paulo Coelho. Mas non. Dentro da caixa só ficou unha cousiña: a esperanza.

Este é o momento no que os contadores (ghipis) din: "Desde entonces, aunque los males nos acechen, la esperanza nunca nos deja por entero. Y mientras tengamos un poco de esperanza, ningún mal puede derrotarnos completamente."

Y una mierda!!

Entón a esperanza (que, por certo, acabou por saír da caixa porque probábelmente Pandora voltou a abrir a tampa para ver se era certo iso de que só quedara unha cousa dentro)estaba gardada na caixa pra que? Para que o resto dos males lle deran palizas? A esperanza era un mal coma os outros, pode que mesmo mais perigoso.

Porque a esperanza fomenta a inmobilidade, e acreditarmos que as cousas se poden solucionar ou que poden mellorar ou deixar de empiorar así como así. Cando as persoas sofren situacións de inxustiza, é a esperanza inmobilista a que os mantén vivos e mansos. "Deus aperta mas non afoga", sospiran antes de morreren afogados. "Aguenta! Ten esperanza!". "Suco vai, suco ven. Xesús María!"

E é tan traizoeira! É tan quentiña a esperanza! Tan adictiva... axuda tanto a vivir con menos dores. Como un calmante.

Hoxe o mundo acordou esperanzado. Fálanme de abrazos espontáneos e sentidos en NY. De sorrisos de Chicago a Kenia. E non podo evitar emocionarme por iso (son así de ghipi). Nen podo evitar o sentimento de tristeza que albisca a decepción. E non me veñan con histórias. Porque un negro, para min, é aquel que vive na miséria. Ou en Angola, que non son sinónimos por moito que algúns se empeñen.

E querería deixarme levar pola esperanza, mas coido que xa a gastei toda algures entre os últimos sete anos (moi tarde, xa sei, son así de ghipi). Veremos. Que lindo sería se eu estivese equivocado e estivese metendo agora a pata! Como asinaría qualquer papel para que iso acontecese! (Vedes? Xa está aquí de novo).

Mas tranquil@s, unha cousa teño clara: VENCEREMOS!!

E isto non é esperanza.

3 comentários:

Mario disse...

Grandioso, meu, eu tamén desconfío de tanta esperanza.

O pastor eléctrico disse...

Si, é algo semellante ao clima aquel de cando ZP gañara as eleccións. Semellaba que a xente confiaba en que o PSOE se voltase un partido socialista ou algo así.
De todos xeitos algún cambio para mellor haberá. Supoño.

Antuán disse...

E non hai que ir tan lonxe como a Madrid...

En serio, oxalá que estexa equivocado e que toda a xente esperanzada faga, nun futuro, burla de min e me obrigue a pagar copas pola miña falta de visión. Pagareinas de bon grado.

Por certo, hoxe dixo alguén:

http://www.publico.es/internacional/172010/esperando/enero