quarta-feira, 29 de outubro de 2008

Sobre língua e produtos agrícolas

Nos contos de tradición oral, os animais e os elementos naturais (polo xeral de carácter agrícola) costuman xogar un papel importante na trama, e son portadores de características máxicas. O plano do real e o do marabilloso están mais que relacionados e de um modo non traumático, sen sobresaltos. Mais esta invasión ficcional no real, esta uni-dimensionalidade (e unir é do que trata o tema, como veremos), non só se encontra nos contos populares e nas novelas de García Márquez. Chega até os nosos próceres do goberno e as suas políticas de defensa da língua galega.


A plana de impulsores, normalizadores e, resumindo, protectores lingüísticos do goberno galego reuníuse para apresentar ante os médios o convenio asinado co sector naval (o dos barcos) para que éste impulse e defenda o galego (descoñecemos se facendo uso de algún acorazado feito en Ferrol ou a base de manguitos para que a cousa aboie un pouco).


Mas o problema da língua é de caracer gráfico, como veremos, xa que a campaña de información foi encargada a alguén do sector nabal (o dos nabos). Porque só dunha persoa coa capacidade visual e intelectual dunha hortaliza arrincada da terra pode sair o resultante “embarcámonos coa a lingüa Galega”. Así, de primeira ollada, tres erros en cinco palabras.
Imaxinades isto noutro sitio qualquer? Imaxinades ao presidente do goberno español, ao presidente da Generalitat diante dun cartaz así? Na Galizacia ou ben ninguén perdeu tempo en ler esas letras gordas de tamaño 567 que estaban ao fundo ou ben ninguén encontrou o(s) erro(s). Ou, se callar, si. Mais como dá igual… Pataqueiro. Simplesmente Pataqueiro.




Mais non foi o pai da criatura o único tubérculo protagonista. Na gala, o Presidente do Goberno e a responsábel de política linguística sorrín ante o placard. Foto! Pa-ta-ca!!!

(Mentres, a língua (ese ente) pensando aquela do Reixa: “Ei nena/ son como o sector naval/ hei hei/ resistirei.” Mas o que resiste e o sector nabal dos gobernos galegos no referente a política lingüística, e vaia se resiste)


Entretanto, a prensa-cherry non deixa de plasmar as declaracións do presidente, de conciliadores brazos abertos e expresión solemne diante dun enorme “embarcámonos coa a lingüa Galega”:

Non existem polémicas entre idiomas, dí, o símbolo idiomático do país é claro: “os dous”. Unidos. Fusionados como en Songoku. Deixando entrar nesta gran galicia global (GGG) outras línguas para acrescentar a nosa identidade gustativa. E nada mais sintomático da nova era que ese lema: “Embarcámonos” (galego) “coa a” (con la, espanhol), lingüa (glíglico)… Grande paso para acabar com esta fútil disputa de letras. Um só idioma: o galegol, o españego. Como os Pementos de Padrón do Norte de Marrocos. Autentico e patrocinado desde a Asociación Científica Educadora da Língua Galegola (ACELGA) ou os Comités Organizados Unificados de Voluntári@s do Espalego (COUVE).

Queria Celso Emílio unha língua proletária, unha língua de labregos e mariñeiros, proa e rella sempre. Que pouca ambición enxebre! Os galegos e as galegas temos, hoxe en dia, moito máis. Agora temos unha língua defendida por productos agrícolas e non só: Nabos. Berzas. Melóns. Nécoras… vixiando porque o galego non desapareza. Dignificando un idioma de oferta Carrefour.


Mil primaveras máis? Por favor! Tendo que estar sofrendo vraos, invernos… Nin de coña! Unha soa estación dentro dunha cámara frigorífica a temperatura regulada. Como boas hortalizas importadas. E de cores bem vivas, que se noten esas diéresis.

Se é que xa o dicía un dos maiores normalizadores linguísticos do país: “Os pementos que noxo dan!”.

Por certo, o idioma non está doente de diglosia ou autoodio. É tuberculose, e é mortal.

2 comentários:

Mario disse...

Cala, que seica en Galway cobran por seguir falando irlandés. Voume decatando do negocio que están tramando algúns... Cantos menos quedemos, menos subvención a repartir.

Antuán disse...

Menos mal que os que atacan o galego fican deslexitimados el@s sós. (Claro que os que o defenden "oficialmente" tambén fican deslexitimados el@s sós...)

O da subvención (do latín: vencer polo baixo, arrastrándo-se) pode ser o negociaco que monten. Citando a unha frutaria de Vigo, por seguir coa referencia vexetal:
vai-lles sair un negocio "de fruta madre".

Que mal corpo lle deixan a un estes cabróns...