segunda-feira, 2 de março de 2009

Fracasados de Antemano

Vaia de antemán que este non é un post de esperanza.



Foi no sábado, na reitoría da UDC. Alba conseguía o que, tras anos e anos de ouvir radios emitindo despoxos de operación triunfo, parecía imposíbel: transmitir sentimentos con total ausencia de artificialidade. Senta no sofá e prende a Cadena 40. Ves o que fai a ex-tipa de La oreja e tantas outras? Pois o contrario. A verdade dos sentimentos nota a nota cortando o noso folgo. Contra a ideia da música como arte etérea, o real. Tan real que para sí quixera o teatro a enerxia dos sentimentos que poboaban o palco na impresionante voz dunha adolescente.


Á sua beira Brais ergue a trompeta por riba da cabeza mentres canta, puño pecho. Entre os seus dedos, as suas entrañas e, atadas, as miñas e as de todo o público. Desgarra, bate, machuca. Combina á perfeción coa voz da Alba, intercalándose con ela, afrontando os dous a tarefa de meter ao público de xeonllos, de dobregalo. Nós caemos cos brazos por tras da caluga e o sorriso nos beizos. Declarámonos vencidos pola música de Alba, Brais, Teje, Bardanca, Román e Emílio: os Fracasados de Antemano. E arrinca a maior ovación de todo o concerto esta banda que chega de Labañou cargada de mala ostia e raiba.


E un lémbrase de como se debeu sentir o outro cando viu cantar a unha nena en Suíza, e vai tentando recompoñer as vísceras e pensar no que presenciou. Porque uns cativos de Labañou veñen de se desgarrar diante de nós cantando a história do brasileiro Menezes, asasinado aos tiros pola policia inglesa ao ser confundido cun terrorista. Cantado en clave de clase, internacional e con carraxe galega. De Labañou.


Membros dunha xeración a que non lle acostumamos dar moito interese (como se a nosa tivese feito algo de especial), losquearon en nós e demostraron que non están de volta de nada, que camiñan e ben diante. O tema Menezes pódese escoitar aqui e aqui. O seu Myspace, aqui.


Un grupo moi a ter en conta e a deixar debaixo do ollo; o meu destaque persoal para un concerto que contóu con algunha actuación do máis brillante. Parabéns á organización pola ideia e desenvolvimento. Por favor, que veñan moitas máis edicións de A Coruña Son e que teñan tanta calidade. E parabéns a Santiago Auserón por ter feito un traballo magnífico (polo menos é o que eu puiden ver desde fóra) e cantar e falar en galego. Todo un exemplo, Santiago e os Fracasados de Antemano. Que non se perda.

6 comentários:

Mario disse...

Como te volvas meter coa nosa xeración agárdote á saída con bate de béisbol e puño americano, e deixa que non che mande tamén a toda caranza.

Aínda conservo a actitude, debe ser por iso que gosto destes.

Mario disse...

Espera.... xa hai outra xeración despois da nosa?!!! Cristo, que semana levo.

Antuán disse...

Do disco 1970, de JP Simões.

"Vai minha geração, ergue a cabeça e solta os teus filhos no esplendor
do lixo e do descuido, deixa-te ir enquanto o sabor acre da desistência vai
corroendo a doçura da sua infância.

Vai minha geração, reage, diz que não é nada assim,
que é um lamentável engano, erro tipográfico, estatística imprecisa, puro
preconceito, que o teu único defeito é ter demasiadas
qualidades e tropeçar nelas.

Vai minha geração, explica bem alto a toda a gente que és por demais
inteligente para sujar as mãos neste velho processo, triste traste de Deus,
de fingir que o nosso destino é ser um bocadinho melhores do que antes.

Vai minha geração, nasceste cansada, mimada, doente por tudo e por nada,
com medo de ser inventada, o que é que te falta agora que não te falta nada?"

Pode asubiar, camarada...

Mario disse...

Pobre JP vai haber que darlle vitaminas.

A Raíña Vermella disse...

Antuán, tío, despois do do domingo, aínda nos pos un grupo que se chama "Fracasados de Antemano"? Isto si que é humor negro...

Antuán disse...

Alteza: o fracaso é digno, non confundamos coa derrota. O fracaso non precisa de perceiros, é algo persoal, arriscado.

Xa o dixo Grotowsky: "O fracaso é inerente á creación".

E o verbo fracasar é tan tan taaaan charmoso...