sábado, 12 de janeiro de 2008

Novo link (na coluna da esquerda)

Descubro, como sempre tarde, que Xabier DoCampo ten un blog.

A biografia e bibliografia oficial de DoCampo está por e é ben coñecida. Mas há un detalle que non ven nos libros e polo que lle teño especial cariño: foi o padriño da miña promoción de filoloxia. O que non tería sentido ningún se non fose porque coincidiu coa leitura do discurso de licenciatura por parte de o sempre xenial (e especialmente brillante ese dia) Diego Cousillas, baixo a influencia de Handke e os seus Insultos ao público.

Encontrar o blog de Xabier fíxo-me lembrar aquel momento, co Diego mallando por babor e estribor mentres as persoas insignes se indignaban e os indignos insignábamo-nos. No meio daquela maré de traxes-grabatas-camisas-de-caramelo, Touri e un servidor dando a nota de cor e Cousillas, no palco, dando lustre á universidade. Na mesa presidencial eran todo caras de circunstáncias salvo o sorriso de Xabier.
Debeu pensar que tiñamos algo que ver co acto de Cousillas (xa quixera eu, mais o xenio mantivo en segredo o seu plano), polo que reservou para nós algún sorriso cúmplice.

Quedei con vontade de falar con el despois da cerimónia, mas aquela noite era só para falar co Diego, mais admirado que nunca.

Vaia, pois, este link como mostra de cariño dun dos numerosos afillados que gañou naquela tarde, probabelmente o que ficou mais orgulloso daquel evento (o Cousillas é de natural humilde, orgullo-me eu polos dous).

P.D. Porque carallo tocarían 11 badaladas no último dia? É unha pergunta que arrastro desde oitavo de EXB...

1 comentário:

Xabier P. DoCampo disse...

Encamiñoume aquí un amigo común. En primeiro lugar decirlle que fico obrigado polas fermosas palabras que me dedica. Lembro perfectamente aquel día e o meu rostro non era de complicidade senón de envexa polo ben que soubestes aproveitar a ocasión para unha insolencia que superaba a do austríaco e que eu xa perdera polos mesmos camiños polos que se foi a miña xuventude. Porque só de novo ten atractivo o insulto, os vellos somos máis dados ao desprezo...
Lamento que non falásemos naquela ocasión, pero supoño que outra haberá. Até daquela vaia a miña mellor aperta, benquerido afillado.