quinta-feira, 19 de março de 2009

A palabra é xenocidio

Coido que foi aló polo ano 94-95. Estaba en casa dun colega na vila da sua família, Irixoa (etimolóxicamente: igrexa pequena, “*eclesiola”). Pasáramos o día enteiro aló, o que era un pracer para un cativo coma min que xa tiña esquecida a que fora a aldea da sua infancia e estaba por coñecer a que sería a da sua maioría de idade. Xogar a bola cando os cans nos deixaban, claro; a imposibilidade de practicar "gardenboard" (leiraboard sería) nos herbeiros dos veciños. O meu temido rencontro con eses veículos de duas rodas e pedais que precisan cordinación... A verdade e que, sen ter unha lembranza completa da xornada, sí que gardo a sensación de me ter divertido arreo.


So teño duas recordacións concretas: a aterraxe, bici por un lado eu polo outro, a poucos centímetro de unha bela bosta de vaca (cabeza por diante, of course) e unha conversa sobre mulleres con un rapaz da vila ou arredores, un colega do meu colega. Tampouco fago a mínima idea de como chegou aí o asunto, mais só lembro ao rapaz falando de sexo e de SIDA (aquelas duas cousas que non entendiamos moi bem, polo menos eu) (e si, se comparamos coa data de nascimento, dá unha idade escandalosa para non entender desas cousas...). Lembro a seriedade do rapaz (tería a nosa idade ou menos e tentaría facerse o experto diante dos de fóra, supoño) cando falaba da imposibilidade de apañar a SIDA se, e non sei se cito textualmente mas non vou renunciar a o pracer de tentar, “apretabas coas máns ás cachas da tia”. (Agora que o escrebo, seguro que era "cú" e non "cachas"... mas o estilo é incomparabelmente mellor). Nin se mencionou, por suposto, o uso do condón (que nos debería soar a chino a todos, como o resto do campo semántico entrepernil).


Así naceu unha das miñas anécdotas favoritas. Xa non me ten tanta graza cando xente crecidiña anda com parvadas do xénero. E desta vez non é un habitante da igrexa pequena, e si o mandamáis da igrexa grande.


As declaracións do Papa son un atentado contra a vida de milleiros de persoas na África. E a el@s, quen @s protexe do Vaticano?






Sem comentários: